Os doutoramentos industriais naceron como unha ponte entre o coñecemento da academia e a experiencia do tecido empresarial, un programa que serve para unir estas dúas visións na formación dos futuros profesionais. Coa implicación das universidades e as empresas, ducias de novos investigadores contan xa con esta mención industrial nas súas teses, dez deles no caso da Universidade de Vigo. A estes hai que sumar outros 15 que están actualmente a realizar as súas teses baixo o paraugas da convocatoria pública de axudas impulsada pola Xunta de Galicia a través de GAIN. Dende a posta en marcha desta liña de apoio, a UVigo acadou catro axudas na primeira edición en 2021, unha en 2022, cinco en 2023 e outras cinco en 2024.
A filosofía desta iniciativa é promover a realización de proxectos de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental nos que se enmarque unha tese, en empresas, administracións ou entidades privadas sen ánimo de lucro. O obxectivo final é formar investigadores e investigadoras de alto nivel que poidan contribuír á innovación e ao desenvolvemento tanto da empresas como da academia.
O 6º Congreso Internacional EGRWSE-2025 reunirá no mes de xuño en Vigo expertos e expertas de todo o mundo para explorar solucións innovadoras fronte ao cambio climático e avances en economía circular e prácticas de enxeñería sostible. O evento, organizado polo Grupo BiotecnIA da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo en colaboración coa Universidade de Illinois en Chicago e o Instituto Nacional de Tecnoloxía de Jalandhar, presentouse oficialmente na mañá deste venres na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo, entidade patrocinadora do evento xunto co Concello de Vigo.
Como explicaba Claudio Cameselle, catedrático do Departamento de Enxeñaría Química e responsable da organización, o 6th International Conference on Environmental Geotechnology, Recycled Waste Materials and Sustainable Engineering terá lugar entre o 11 e o 14 de xuño na Escola de Enxeñería Industrial e na sede da Zona Franca de Vigo. Será a primeira vez que esta simposio se celebre en España e “ofrecerá unha plataforma única para avanzar no coñecemento da xeotecnoloxía ambiental e a enxeñaría sostible, promovendo a colaboración e o intercambio cultural entre os participantes internacionais”. Ata o momento, o comité organizador xa recibiu 316 comunicacións e 180 artigos de investigadores de 38 países, o que “supera todas as nosas expectativas, duplicando as nosas previsións”. Respecto da asistencia, o prazo de inscrición está aberto, pero como adiantaba Cameselle, agárdanse entre 200 e 220 especialistas e estudantes de países de países de África, Europa, Oceanía, América e Asia, dende Noruega ou Nixeria ata Camerún, China, EEUU, Xapón, Corea ou Rusia. “Isto supón unha participación 2,5 veces superior a calquera edición anterior”.
Transcorrido pouco máis dun mes do seu nomeamento como directora de Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, a catedrática de Enxeñaría Química Ángeles Sanromán Braga (Cádiz, 1964) asegura que a súa percepción do centro non mudou, “salvo polo compoñente administrativo, ao que cómpre dedicarlle máis traballo, que é fundamental para a boa marcha”, tras pasar de exercer como investigadora garante a ocupar a dirección.
Vinculada á Universidade de Vigo desde que comezou os seus estudos de licenciatura en Química no campus, na década de 1980, “sen ter clara unha orientación, nin un futuro profesional”, e onde volveu en 1991, logo de doutorarse en Enxeñaría Química na Universidade de Santiago, como profesora axudante, Ángeles Sanromán recoñece abertamente asumir a dirección de Cintecx como “un reto profesional, considerando que recentemente obtivemos o recoñecemento da Secretaría Xeral de Universidades como Centro de Investigación Colaborativo. Agora temos que continuar traballando co obxectivo de mellorar a nosa cualificación e demostrar a necesidade de que Galicia conte cun centro de referencia como Cintecx dentro da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, Cigus”.