Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

04/04/2025

O 6º Congreso Internacional EGRWSE-2025 reunirá no mes de xuño en Vigo expertos e expertas de todo o mundo para explorar solucións innovadoras fronte ao cambio climático e avances en economía circular e prácticas de enxeñería sostible. O evento, organizado polo Grupo BiotecnIA da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo en colaboración coa Universidade de Illinois en Chicago e o Instituto Nacional de Tecnoloxía de Jalandhar, presentouse oficialmente na mañá deste venres na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo, entidade patrocinadora do evento xunto co Concello de Vigo. 

Como explicaba Claudio Cameselle, catedrático do Departamento de Enxeñaría Química e responsable da organización, o 6th International Conference on Environmental Geotechnology, Recycled Waste Materials and Sustainable Engineering terá lugar entre o 11 e o 14 de xuño na Escola de Enxeñería Industrial e na sede da Zona Franca de Vigo. Será a primeira vez que esta simposio se celebre en España e “ofrecerá unha plataforma única para avanzar no coñecemento da xeotecnoloxía ambiental e a enxeñaría sostible, promovendo a colaboración e o intercambio cultural entre os participantes internacionais”. Ata o momento, o comité organizador xa recibiu 316 comunicacións e 180 artigos de investigadores de 38 países, o que “supera todas as nosas expectativas, duplicando as nosas previsións”. Respecto da asistencia, o prazo de inscrición está aberto, pero como adiantaba Cameselle, agárdanse entre 200 e 220 especialistas e estudantes de países de países de África, Europa, Oceanía, América e Asia, dende Noruega ou Nixeria ata Camerún, China, EEUU, Xapón, Corea ou Rusia. “Isto supón unha participación 2,5 veces superior a calquera edición anterior”.

Ler a nova completa no DUVI